O Concello da Guarda participou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2018, que se celebra entre os días 17 e 21 de xaneiro en Madrid, impulsando a promoción da vila como destino turístico de calidade. A delegación da Guarda -formada pola concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, o edil de Patrimonio, Ler máis
O Concello da Guarda participou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2018, que se celebra entre os días 17 e 21 de xaneiro en Madrid, impulsando a promoción da vila como destino turístico de calidade.
A delegación da Guarda -formada pola concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, o edil de Patrimonio, Xavier Crespo, e a técnica de Turismo, Rosalía Verde- mantivo durante as xornadas do mércores e xoves, días 17 e 18 de xaneiro, diversas reunións e encontros con consultores turísticos especializados, empresas de turismo tecnolóxico e turismo activo, e importantes axencias turísticas, tanto consolidadas como de creación recente. Estas últimas, especializadas en segmentos do mercado turístico, resultaron de gran interese para A Guarda.
Na tarde do mércores, os representantes da localidade acudiron ao acto de entrega dos premios EDEN (Destinos Europeos de Excelencia) 2017, que tivo lugar no expositor de Turespaña. No evento, convocado pola Secretaría de Estado de Turismo e presentado polo subdirector xeral de Cooperación e Competitividade, Antonio Nieto Magro, e a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián González, fíxose entrega do galardón ao proxecto vasco «Tierra Ignaciana». Tras a entrega do premio, os técnicos e técnicas dos destinos EDEN mantiveron a habitual reunión de traballo na que se concretaron as próximas actuacións para a promoción dos Destinos Europeos de Excelencia, entre os que se atopa a vila guardesa.
Con todo, onte foi o día máis importante para a delegación da Guarda nesta trixésimo oitava edición da feira. Ás 12 h, os representantes municipais acudiron á presentación da campaña «Rías Baixas, somos historias» realizada pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de potenciar a provincia como destino turístico cultural e de lecer, e alentar un turismo desestacionalizado.
Este ano, o Concello da Guarda e a Comisión das ‘Festas do Monte’ traballarán conxuntamente para lograr o recoñecemento destas como Festas de Interese Turístico Nacional. Con este obxectivo, a delegación guardesa mantivo durante a súa estancia en Madrid reunións con axencias de comunicación e asociacións de xornalistas especializados en turismo.
A delegación guardesa, aproveitando a súa viaxe, visitou a mostra pictórica «Labirinto de cores» do artista guardés Antonio Martínez («Cachi»), formada por lenzos que amosan a natureza, o mar e a terra, e nos que A Guarda é protagonista. As obras permanecerán expostas na Casa de Galicia en Madrid ata o vindeiro 31 de xaneiro.
FITUR 2018
A Guarda, que participa na feira dende o ano 2011, estivo presente durante as xornadas do 17 e 18 de xaneiro no expositor de Turismo de Galicia, ofrecendo información turística de interese ao público en xeral. A información sobre a localidade permanecerá exposta ata o final da feira, para que profesionais e visitantes poidan dispoñer dela e coñecer a oferta turística guardesa.
A Feira Internacional de Turismo (FITUR) defínese como un punto de encontro global entre profesionais do sector, coa participación anual de miles de empresas, entidades públicas e profesionais de todo o mundo.