A proba deportiva celebrarase o 7 de xullo, coincidindo coa celebración da Festa da Lagosta | O período de inscrición permanecerá aberto do 11 ao 29 de xuño. A tradicional Travesía a nado Porto da Guarda chegará á súa vixésimo terceira edición o vindeiro 7 de xullo, coincidindo coa celebración Ler máis
A proba deportiva celebrarase o 7 de xullo, coincidindo coa celebración da Festa da Lagosta | O período de inscrición permanecerá aberto do 11 ao 29 de xuño.
A tradicional Travesía a nado Porto da Guarda chegará á súa vixésimo terceira edición o vindeiro 7 de xullo, coincidindo coa celebración da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira (do 6 ao 8 de xullo). A proba deportiva admitirá a participación de persoas de todas as idades, tanto federadas como non federadas, nas categorías masculina e feminina, con 6 subcategorías por rangos de idade.
A travesía partirá do peirao ás 12:00 horas, con dous percorridos en función da idade dos participantes. Así, os e as mozas de ata 11 anos realizarán un traxecto de 400 metros, mentres as persoas de 12 anos en adiante percorrerán unha distancia de 1.200 metros no interior do porto guardés.
O período de inscrición permanecerá aberto entre os días 11 e 29 de xuño. As persoas interesadas en participar poderán anotarse na proba a través da páxina web do Concello da Guarda, seleccionando a imaxe da XXIII Travesía a nado e cubrindo o formulario enlazado. Poderán ler e descargar o regulamento da proba nesta ligazón.
Os menores de idade non federados deberán entregar o formulario de autorización (descargable aquí) asinado pola súa nai, pai ou titor/a legal no correo electrónico turismo@aguarda.es. Para máis información, poderán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo, chamando ao teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.
A XXIII Travesía a nado Porto da Guarda é unha actividade organizada pola Concellaría de Deportes do Concello da Guarda en colaboración co Club de Remo Robaleira, o club Alagua, a Confraría de Pescadores Santa Tecla e a empresa Río Verde motores fóra borda.