O Concello da Guarda participará na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR 2024

19 de xaneiro de 2024·Por A Guarda Turismo2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A Guarda, como municipio turístico de referencia no Baixo Miño, promocionarase no stand de Turismo de Galicia da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano se celebra do 24 ao 28 de xaneiro. Nesta ocasión o Concello elaborou un folleto turístico informativo editado especificamente para esta feira. Este folleto Ler máis

A Guarda, como municipio turístico de referencia no Baixo Miño, promocionarase no stand de Turismo de Galicia da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano se celebra do 24 ao 28 de xaneiro.

Nesta ocasión o Concello elaborou un folleto turístico informativo editado especificamente para esta feira. Este folleto estará dispoñible para todos os visitantes no mostrador do Xeodestino Ría de Vigo-Baixo. Así mesmo, o recinto feiral contará cunha campaña publicitaria de promoción dedicada exclusivamente ao noso municipio.

A representación da Guarda asistirá pola mañá do mércores 24, día de comezo da feira, á presentación de Turismo de Galicia no stand da comunidade que nesta edición contará cun espazo renovado. A temática escollida é a auga nas súas diferentes representacións: mar, ríos e rías, fervenzas, mananciais,…

Ás 12:30h será a quenda da presentación da Deputación de Pontevedra onde dará a coñecer a súa nova campaña turística “100% Rías Baixas”. O protagonismo tamén será a auga da provincia. O noso municipio rodeado case na súa totalidade é un exemplo dos recursos turísticos da provincia, a costa Atlántica e a desembocadura do Miño co seu estuario.

A tarde terá como acto destacado a participación na recepción organizada pola Deputación co sector turístico.

O xoves ás 15:00h terá lugar a presentación de “Trazas de Pontevedra, ruta arqueolóxica pola provincia” no stand de Turismo de Galicia. O acto consistirá na apertura do Alcalde da Guarda, Roberto J. Álvarez Carrero, como representante dos 16 municipios integrantes do proxecto. Dará paso á proxección do vídeo-presentación do Proxecto Trazas e continuará Rafael Martínez, arqueólogo responsable das escavacións realizadas nos xacementos seleccionados. O acto pecharao a Deputada provincial de Turismo, Nava Castro, quen informará da continuación deste proxecto. No pasado mes de outubro o noso concello xa acolleu a presentación oficial deste proxecto.

Ás 18:00 está previsto no Stand de Turismo de Galicia a presentación do Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño coa súa campaña “Vivir experiencias, compartir territorio ”. A Guarda forma parte deste Xeodestino e nesta nova campaña A Guarda terá un lugar especial.

Durante estas xornadas a delegación da Guarda, encabezada polo Alcalde, manterá, ademais de asistir aos eventos institucionais, diversas reunións con maioristas, empresas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

 

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese