O Concello eloxia o compromiso coa calidade turística dos establecementos con distintivo SICTED

16 de marzo de 2018·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, recibiron esta mañá aos responsables dos seis establecementos que acaban de conseguir o distintivo SICTED (siglas do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), un recoñecemento promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) que Ler máis

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, recibiron esta mañá aos responsables dos seis establecementos que acaban de conseguir o distintivo SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), un recoñecemento promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) que dá conta do seu «Compromiso de Calidade Turística».

Os representantes municipais destacaron o esforzo realizado polos establecementos, que xa contan cun recoñecemento oficial ao seu «bo traballo» e unha insignia que lles dará visibilidade no sector. Nesta liña, a edil guardesa destacou o esforzo realizado polos hostaleiros para a consecución do certificado de calidade e o seu compromiso, «moi importante para un pobo como A Guarda», engadiu o rexedor local.

No encontro, Antonio Lomba fixo entrega dos diplomas e as placas aos hostaleiros que non puideron asistir o pasado 28 de febreiro á Gala de Turismo Rías Baixas, onde foron entregados os distintivos. Así, hoxe recibiron os seus recoñecementos Gema Martínez, propietaria do restaurante Celtic; María Emilia Vicente Goyás, dona do restaurante Marusía; e José Francisco Vázquez, xerente do restaurante Casa Bar Aquilo. Acompañáronnos Marta González e Juan Carlos Alonso, do restaurante A Casa da Aboa, e César Verde, xerente do restaurante Xantar, coa única ausencia do Hotel Convento San Benito, tamén recoñecido.

 

Na actualidade, A Guarda conta con 9 empresas e servizos co certificado de calidade e compromiso turístico SICTED, entre os que se atopan a Oficina Municipal de Turismo e as praias do Muíño e Area Grande. Este recoñecemento vén acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes.

Aquelas empresas e servizos que desexen adherirse ao proxecto e participar na próxima xornada formativa, programada para o 17 de abril, poderán recibir asesoramento na Oficina Municipal de Turismo do Concello da Guarda.

Sobre o distintivo

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.

A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados e dá conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten unha validez ben, aínda que está suxeita a unha avaliación anual de seguimento.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese