Como xa vén sendo habitual no verán, o Concello da Guarda celebra unha campaña informativa medioambiental nas praias con Bandeira Azul, coincidindo co remate do mes de agosto. Este verán celebraranse dúas actividades dirixidas ao público infantil. A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia Ler máis
Como xa vén sendo habitual no verán, o Concello da Guarda celebra unha campaña informativa ambiental nas praias con Bandeira Azul, coincidindo co remate do mes de agosto.
Este verán celebraranse dúas actividades dirixidas ao público infantil. A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia de Area Grande a partir das 16:00 horas. Os pequenos participantes realizarán unha actividade de sensibilización ambiental centrada na identificación dos residuos que se poden atopar nas praias e onde deben depositarse para evitar a contaminación dos nosos espazos naturais.
Trátase, polo tanto, de dar unha perspectiva de responsabilidade aplicable ao noso día a día, para concienciar sobre as consecuencias de desbotar o lixo no chan, podendo acabar no mar e na nosa costa. Cun sinxelo xogo, os nenos e nenas poderán adquirir o compromiso de non botar ao chan os desperdicios e os coñecementos necesarios para realizar unha correcta reciclaxe dos mesmos.
Para completar as actividades ambientais, este venres 1 de setembro celebrarase un obradoiro de cometas. A cita, que tivo que ser reprogramada por cuestión das malas condicións meteorolóxicas, terá lugar na praia do Muíño ás 16:00 horas, onde os pequenos aprenderán a elaborar unha cometa con materiais reciclados.
Estas actividades non precisan inscrición previa, de modo que as nenas e nenos interesados en participar soamente deberán achegarse ás praias. Como complemento a estas dúas xornadas de sensibilización ambiental, exporanse carteis e folletos de concienciación informativa ambiental, ademais de información sobre o sendeiro azul que une as dúas praias guardesas con Bandeira Azul.