⬇Fai clic no cartaz para ampliar ⬇ O Concello da Guarda vén de poñer en marcha varias accións dirixidas a apoiar á hostalaría do noso pobo ante as últimas restricións impostas pola Xunta de Galicia. Dentro delas estarían a elaboración e difusión dun listado de establecementos que seguen prestando servizos Ler máis
⬇ Fai clic no cartel para ampliar ⬇

- O Concello da Guarda vén de poñer en marcha varias accións dirixidas a apoiar á hostalería do noso pobo ante as últimas restricións impostas pola Xunta de Galicia. Dentro delas estarían a elaboración e difusión dun listado de establecementos que seguen prestando servizos neste momento, a creación dunha canle informativa dentro da web de Turismo e específica para o sector, e a intención de non pasar a cobro as taxas por ocupación de vía pública das terrazas durante esta anualidade.
Unha vez publicadas as restricións ditadas pola administración autonómica e que afectaron dun xeito tan extremo á hostalería, o concello iniciou unha rolda de contactos individualizados co sector para coñecer de primeira man a situación na que se atopan e os pasos que darían de cara a continuar traballando baixo as novas limitacións.
Destes contactos obtivéronse datos para a elaboración dun listado de establecementos con información sobre horarios e datas de apertura das terrazas, servizos de comida para levar ou de entrega a domicilio.
Este listado foi difundido o martes día 19 a través da web e das redes sociais do concello, na web de Turismo, así como na App Concello da Guarda, para que esta información poida estar dispoñible para a cidadanía. O listado irá actualizándose en función da evolución da situación ou de posibles cambios nos servizos.
De xeito paralelo, outra das medidas postas en marcha polo consistorio, e que ten como obxectivo manter informados aos hostaleiros e hostaleiras da Guarda, foi a habilitación dunha sección específica na web de Turismo co seguinte link https://www.turismoaguarda.es/hostaleria/, que vén a complementar as comunicacións que se facían ata agora dun xeito máis informal a través de mensaxería e correo electrónico, e no que se poderá acceder á información actualizada sobre liñas de axuda, convocatorias, noticias, etc. relacionadas co sector.
Así mesmo, durante esta anualidade seguirase na liña do 2020 e non se pasarán a cobro as taxas por ocupación de vía pública das terrazas.
Por último, e na liña dos últimos días, a corporación municipal continuará denunciando a gravidade da situación pola que está a pasar a hostalería do noso pobo e instando ás demais administracións para que lles proporcionen solucións rápidas e efectivas.
Dende o concello pedimos tamén o apoio da poboación da Guarda a este sector, que está a ser especialmente castigado durante a pandemia e que supón o sustento de moitas familias da nosa vila. Esta situación está a afogar aos nosos hostaleiros e hostaleiras e está nas mans de todas e todos tenderlles a man e axudalos a manterse a flote.
Con xestos tan sinxelos como pedir un café para levar, encargar unha comida para casa, ou facer uso das terrazas cando o tempo o permita, e sempre con responsabilidade e baixo as indicacións sanitarias, estaremos contribuíndo á supervivencia de moitos dos nosos establecementos.
Pola súa banda o concello seguirá atento á evolución da situación e continuará traballando para poñer en marcha novas medidas que axuden ao remonte da hostalería e dos demais motores económicos da vila.