-As actuacións enmárcanse no proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Sta. Trega (A Guarda”, dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello da Guarda a través da Deputación de Pontevedra. O Consello Superior de Investigacións Científicas Ler máis
-As actuacións enmárcanse no proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Sta. Trega (A Guarda”, dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello da Guarda a través da Deputación de Pontevedra.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dirixe o proxecto encamiñado á posta en valor do concheiro do castro de Sta. Trega (A Guarda), que dende estes días se pode visitar tras meses de actuacións que incluíron limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueloxofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas, e que concluíron coa instalación dun panel informativo cuxo labor é que os visitantes coñezan os principais resultados deste estudo.
O equipo de traballo está dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais (Madrid). Colabora a empresa Terra-Arqueos e os grupos de investigación Zooarqueoloxía (Universidade de León), con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e Paleoecoloxía e Subsistencia das Sociedades Preindustriais (CSIC) con Marta Moreno.
“O concheiro, que se atopa á beira da porta de entrada ao castro de Monte Trega, constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron o castro”, explica Brais X. Currás, quen engade que “o proxecto ten fin último constituír unha ferramenta coa que se promova un turismo de calidade”.
O proxecto estivo financiado polo Concello da Guarda a través da convocatoria 2019 de Axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.
“A zona do concheiro do castro de O Monte Trega fora obxecto de escavacións entre 1910 e 1930, realizadas pola Sociedade Pro-Monte, Ignacio Calvo e Cayetano de Mergelina, e dende entón permanecía abandonada. Os resultados que agora obtivemos revelan a existencia dunha gandería na que predominan ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presenza de porcos e vacas, así como un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, caramuxos e percebes. Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de craos”, explica Brais X. Currás, quen engade que “en canto á actividade pesqueira, constatouse que se practicou fundamentalmente con anzo en zonas máis próximas á costa. Abunda a robaliza, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros peixes”.
Os resultados do estudo do concheiro danse a coñecer ao público xeral a través dun panel informativo, situado na porta sur. O panel aborda os seguintes aspectos:
1) Explicación da cronoloxía do poboado e do concheiro, así como das prácticas de consumo dos habitantes do castro.
2) Recreación gráfica das edificacións da porta sur.
3) Planimetría do castro e localización da porta sur.
4) Representación gráfica das principais especies presentes no concheiro.
5) Cartografía da contorna do Monte Trega coa localización do antigo poboado e de zonas de captación de recursos pesqueiros e marisqueiros identificados no castro.
Nos próximos meses continuará profundándose no coñecemento do castro do Trega no marco do proxecto LOKI: Economías locais, economía imperial: Occidente da Península Ibérica (século II a.C.-século II d.C.), financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, dirixido dende o CSIC por Inés Sastre.
“Realizaranse datacións de C14 que permitirán coñecer o momento de fundación da muralla do poboado, estudarase a evolución ambiental a través do pole e analizaranse as sementes recollidas no concheiro. Mención especial merece a identificación dun dente humano, que será analizado na universidade alemá de Tubinga”, avanzan dende o CSIC.