O Entroido guardés traerá cinco días de festa, música e desfiles para toda a veciñanza

4 de febreiro de 2018·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Entroido comezará na Guarda esta semana e prolongarase durante 5 días cunha ampla programación de actividades e o tradicional desfile-concurso, aberto á participación de todos os veciños e veciñas do concello. O inicio das festas de Entroido será este venres, 9 de febreiro, co "Entroido dos coles". En Ler máis

O Entroido comezará na Guarda esta semana e prolongarase durante 5 días cunha ampla programación de actividades e o tradicional desfile-concurso, aberto á participación de todos os veciños e veciñas do municipio. 

O inicio das festas de Entroido será este venres, 9 de febreiro, co «Entroido dos coles». Nel, o alumnado dos centros de educación infantil e primaria da Guarda amosará os disfraces elaborados manualmente para a ocasión, nun desfile que partirá da Alameda ás 12 h e percorrerá a rúa Galicia ata a coñecida como «esquina do Galo».

O 10 de febreiro será o «sábado de güateque» co concerto de Rockin’ Gina & the Sentinels na Alameda a partir das 23:30 h. A continuación, a música retro tomará o pase coa actuación de DJ Guille, ata ben entrada a madrugada. A música e o baile seguirán o 11 de febreiro co denominado «domingo das familias», no que contaremos coa actuación da orquestra Abanico na Alameda a partir das 18 h.

As pequenas e pequenos serán os protagonistas do «luns dos nenos», unha festa infantil na que poderán gozar nun obradoiro de maquillaxe, xogos xigantes, un baile de disfraces con concurso e un ‘carriño larpeiro’ de filloas, todo amenizado por unha discoteca móbil dende as 18 h na Alameda.

Martes de Entroido

A gran festa dos disfraces chegará co Martes de Entroido e a celebración do tradicional desfile-concurso, no que poderán participar todos os veciños, veciñas e asociacións guardesas. As bases contemplan ata cinco categorías de participación (carrozas, comparsas, grupos, individual-parellas tanto adulto como infantil) na modalidade de concurso, cunha ampla variedade de premios.

Nesta liña, as 10 primeiras comparsas e carrozas que se inscriban recibirán unha axuda de 200€ como compensación ao traballo e esforzo realizado. As comparsas e carrozas concursarán por un primeiro e segundo premio (dotados de 250€ e 150€, respectivamente), mentres nas demais categorías se repartirán ata 18 recoñecementos entre os 6 mellor valorados en cada grupo, cun orzamento de 1.070€. As persoas interesadas en participar poderán ampliar información nas bases dispoñibles nesta ligazón  e realizar as inscricións entre o  30 de xaneiro e o 8 de febreiro.

O desfile partirá ás 17:30 h da coñecida como «esquina Famosa» na rúa San Bernardo, para despois percorrer as rúas Porto Rico e Galicia ata chegar á Alameda, onde se darán a coñecer os gañadores en cada categoría do concurso.

Saborear o Entroido

Como complemento ás festas, entre o sábado 10 e o martes 13 de febreiro servirase o popular «Menú de Entroido», cunha completa oferta de alimentos típicos dos que se poderá gozar en 7 restaurantes guardeses a un prezo único de 18€.

Os restaurantes adheridos son: Arruaz, Camping Santa Tecla, La Pizzicata, Novo Funil, O Cangrexal, Xantar e Xeito. Recoméndase, con todo, reservar mesa previamente no restaurante a fin de asegurar a dispoñibilidade do menú, do que poderán gozar todos aqueles que gusten dos pratos típicos.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese