A fin de semana de exaltación da lamprea comezará este sábado en once restaurantes guardeses, nos que se poderá degustar este peixe á bordelesa por 18€ a ración. As nenas e nenos de 6º de primaria dos centros de ensino guardeses participaron esta semana nas xornadas didácticas «Coñecedes a lamprea?», en Ler máis
A fin de semana de exaltación da lamprea comezará este sábado en once restaurantes guardeses, nos que se poderá degustar este peixe á bordelesa por 18€ a ración.
As nenas e nenos de 6º de primaria dos centros de ensino guardeses participaron esta semana nas xornadas didácticas «Coñecedes a lamprea?», no marco da campaña gastronómica «Lamprea do Miño» organizada polo Concello da Guarda.
Un total de 88 escolares dos centros de ensino San Xosé-Hnas. Carmelitas, Pais Somascos, A Sangriña e Manuel Rodríguez Sinde acudiron por quendas durante as mañás do luns e o martes á actividade, que se celebrou na Casa dos Alonso. Alí, as alumnas e alumnos puideron experimentar cos aparellos, redes e traxes de pesca utilizados polos pescadores do Miño, e mesmo analizaron de preto unha lamprea viva.
A técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde, foi a encargada de introducir ao alumnado nas características deste peixe e nas técnicas de pesca utilizadas no noso río. Seguidamente, puideron ampliar os seus coñecementos coa visualización dun documental no que un investigador mostrou máis en detalle as características da lamprea como especie migratoria; e un pescador local ensinou dende a súa propia embarcación o proceso de pesca.
Testemuñas do río Miño
Os mozos pescadores Hector Morais e Ismael Sousa sorprenderon aos nenos e nenas coa súa intervención. Cunha ampla experiencia na materia (pois, segundo contaron, introducíronse na profesión da man dos seus pais), os ‘lampreeiros’ comezaron explicando os trámites necesarios antes do comezo da tempada de pesca (tales como a consecución do permiso) e profundaron na riqueza do noso río, así como no seu día a día na pesca.
Nesta liña, o alumnado agradeceu especialmente coñecer os elementos de seguridade propios das embarcacións, tales como as bengalas e os salvavidas, ademais do obrigatorio chaleco. Os alumnos e alumnas mostráronse moi atentos e curiosos ante as explicacións, e mesmo se atreveron a formular as súas ideas e dúbidas. Ao peche das xornadas, o alumnado comprometeuse a realizar uns debuxos centrados na lamprea do Miño, que serán expostos nos establecementos adheridos á campaña durante a fin de semana.
Fin de semana gastronómica
A campaña gastronómica «Lamprea do Miño» celebrarase os días 14 e 15 de abril nun total de 11 bares e restaurantes do pobo, co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea. As veciñas, veciños e visitantes poderán degustar este peixe na súa preparación máis tradicional -á bordelesa-, a un prezo único de 18€ por ración. A lamprea enteira terá un prezo de 50€.
Os establecementos adheridos á campaña son: Area Grande, Arruaz, Brétema, Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, La Pizzicata, Marbella, Marusía, O Cangrexal, Os Remos e O Roxo. Dada a longa elaboración que precisa esta mazá, recoméndase reservar o prato previamente nos restaurantes.
