Esta mesma tarde empeza a programación cultural guardesa co primeiro dos Festivais de Nadal. A noite boa virá precedida por toda unha serie de actividades, principalmente musicais e de lectura, das que poderán gozar as veciñas, veciños e visitantes no noso pobo. O Centro Cultural acollerá esta tarde o Festival do Conservatorio Ler máis
Esta mesma tarde comeza a programación cultural guardesa co primeiro dos Festivais de Nadal. A noite boa virá precedida por toda unha serie de actividades, principalmente musicais e de lectura, das que poderán gozar as veciñas, veciños e visitantes no noso pobo.
O Centro Cultural acollerá esta tarde o Festival do Conservatorio Municipal a partir das 19:30 h. Os asistentes poderán gozar dun concerto no que participarán as alumnas e alumnos de preparatorio, educación auditiva e vocal, guitarra acústica e eléctrica, vento-madeira, violín, viola, piano e vento-metal, así como o grupo de gaitas e o Rockservatorio’s Band.
O venres, a programación cultural continuará coa presentación do libro «Salcidos en branco e negro» ás 20:30 horas no Centro Cultural. A continuación, proxectarase a película «O Pisco», ambientada na parroquia tomiñesa de Goián na época do estraperlo, e gravada polo Grupo San Roquiño de Goián.
O sábado será a quenda dos máis pequenos coa sesión de «Contos contados» especial de Nadal, na que as pequenas e pequenos poderán coñecer historias tradicionais propias destas datas da man da 'avoa' Carmen Baz e o 'avó' Manuel Cadilla, máis coñecido como «Maruxo», a partir das 11:30 h. Despois poderán participar no obradoiro de decoración do Nadal, co que contribuiran ao decorado da árbore que permanecerá na Biblioteca durante as Festas.
As mañás de «Música na rúa» comezarán tamén o sábado, a partir das 11:00 horas, coa actuación do grupo O Trebón dos Xidos, que percorrerá as rúas coa súa música introducindo aos gardeses e gardesas no ambiente festivo propio destas datas.
Xa ás 20:30 horas, os Festivais de Nadal continuarán co concerto de 'pandereteiras' no Centro Cultural. Participan os grupos Arghaceiras do Muño e Caramuxiñas da Asociación Folklórica Vento Mareiro, as Palqueiras da Asociación Cultural Xamaraina, e os grupos Carainas, Coiro Vello e Tambaluca, así como o grupo de pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa.
O deporte, coa celebración da tradicional carreira de San Silvestre, pechará a fin de semana na Guarda. A proba, organizada pola Sociedade Atlética do Trega, empezará a partir das 10:30 horas no Porto guardés e admitirá inscricións ata mañá no correo electrónico trega@trega.es. A participación está aberta a corredores e corredoras de todas as idades, e a distancia do percorrido (de 100 a 1.500 metros) dependerá da categoría á que se pertenza.