Os gardeses vólcanse co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia a oito días do evento

4 de xullo de 2019·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

A especial situación xeográfica da vila, entre Galicia e Portugal, as técnicas de pesca tradicionais da localidade e o tipo de embarcacións empregadas historicamente polos guardeses son, segundo explicou o alcalde Antonio Lomba, «tres características que marcan a singularidade deste encontro, fronte aos celebrados en anteriores edicións». Na cerimonia Ler máis

A especial situación xeográfica da vila, entre Galicia e Portugal, as técnicas de pesca tradicionais da localidade e o tipo de embarcacións empregadas historicamente polos gardeses son, segundo explicou o alcalde Antonio Lomba, «tres características que marcan a singularidade deste encontro, fronte aos celebrados en anteriores edicións». No acto de presentación do evento, celebrado na de este mércores no Concello, o rexedor destacou tamén a implicación dos gardeses co Encontro de Embarcacións Tradicionais, decorando as fachadas de vivendas e escaparates de comercios con ornamentacións de temática mariñeira: «Deste xeito esténdese a invitación a toda a cidadanía para que esta XIV edición sexa todo un éxito» . Lomba rematou agradecendo o traballo de Culturmar e a iniciativa de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos para que A Guarda acolla o evento deste ano.

Pola súa banda, o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, agradeceu o apoio do Concello dende o primeiro momento e avanzou que xa son máis de 70 as embarcacións inscritas nesta edición do encontro, «unha festa que pon en valor a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo» .

Sendón tamén destacou o gran traballo da Asociación Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos na construción do » volanteiro», unha embarcación tradicional que se cría perdida e que se recuperou agora con motivo do Encontro.

Os voceiros de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos, Joaquín Cadilla e Xosé Lois Villar, respectivamente, mostráronse agradecidos cos gardeses pola forma na que se envorcaron con este evento, á vez que destacaron a importancia de que un encontro destas características, «no que participan persoas de toda España e doutros países», teña lugar no Baixo Miño. Así mesmo, subliñaron que na cita gardesa estarán representadas todas as tipoloxías de embarcacións tradicionais que hai en Galicia».

Unha cita imprescindible do 11 ao 14 de xullo

A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e mesmo algunha foránea, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado por Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

Actuacións musicais, talleres, exposicións, gastronomía e navegación a bordo destes barcos que forman parte do patrimonio cultural conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 de xullo. O volanteiro recuperado pola Asociación Piueiro terá un protagonismo especial na celebración. Un traballo que foi posible grazas á colaboración de organizacións, empresas e entidades financeiras de Galicia e mesmo de Andalucía.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese