Que facer a fin de semana: catro concertos, catro exposicións e unha visita teatralizada

7 de setembro de 2017·Por Prensa A Guarda4 minutos de lectura
Noticias Turismo

Dende esta tarde e ata o domingo, A Guarda acollerá diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais, contamos cunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia- que permanecerán abertas durante a fin de semana. Os veciños, veciñas e visitantes que aínda non participaron nas visitas teatralizadas Ler máis

Dende esta tarde e ata o domingo, A Guarda acollerá diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais, contamos cunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia- que permanecerán abertas durante a fin de semana.

Os veciños, veciñas e visitantes que aínda non participaron nas visitas teatralizadas polo centro histórico da nosa localidade, teñen esta tarde a súa última oportunidade. Da man dos actores da compañía Os Quinquilláns, A Guarda realizará por última vez unha viaxe a 1930, na que a señorita Rosario e o señor Mariñas nos guiarán polos monumentos e lugares emblemáticos do centro da vila, partindo da praza da Igrexa ás 21 h. Ao remate do percorrido, xa no porto guardés, poderemos gozar da actuación de Paco Nogueira.

A oferta musical desta noite complétase cos concertos da Festa do Comercio, organizada pola Comisión de Festas da Guía. A praza de Avelino Vicente acollerá as actuacións de Aretha Franklin Tribute Band, cos mellores temas da lendaria raíña do soul, e o grupo de música tradicional Abóbriga. Ademais, haberá unha exhibición deportiva de Dani Comesaña.

As Festas en honra á Virxe da Guía continuarán mañá no barrio de Ribadavila coa Misa Solemne ás 11:30 horas, cantada polo Coro Parroquial. Seguidamente, celebrarase a procesión, que contará coas actuacións dos grupos A Boalheira e Terceira Idade.

A fin de semana rematará cunha nova entrega de «Música nas prazas«. Nesta ocasión, a praza de San Marcos será o escenario do concerto que o grupo de pop-rock guardés Perseide ofrecerá a partir das 20 h. En caso de chuvia, a actuación trasladarase ás instalacións do Centro Cultural. Lembremos que a programación de «Música nas prazas» rematará o vindeiro venres 15 de setembro coa actuación de Argonat Band, na praza da Gándara ás 21 h.

Catro exposicións para visitar

Ata este sábado, podedes visitar no Centro Cultural a exposición fotográfica «De Pontevedra a Río 2016«, unha homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río celebrados o pasado ano.

Pola súa banda, a exposición «20 anos a Fondo coa solidariedade» estará ata o domingo na praza do Reló, ofrecendo un repaso das accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante os seus 20 anos de actividade. Tamén ata o domingo, permanecerá na Casa dos Alonso a XXI Exposición Filatélica “Exfimiño 2017”. Organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, a mostra permanecerá aberta de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Máis tempo teremos para visitar a exposición de pintura ao óleo «Catro médicos polo Baixo Miño«, que estará ata o 24 de setembro no Centro Cultural cunha colección de creacións artísticas elaboradas por médicos da comarca apaixonados da pintura.

Lembramos que o horario do Centro Cultural ata o 15 de setembro será de 9 a 14 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados. A partir do 16 de setembro, comezará o horario de inverno: de 19 a 13 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados.

 

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese