Recreación histórica no Monte Santa Trega este domingo

17 de setembro de 2019·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A Comunidade de Montes de Camposancos en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda, a Entidade Local Menor de Camposancos e a Deputación de Pontevedra, organizan o domingo día 22 de setembro a «Festa da Recreación Histórica da Idade de Ferro na Galiza». Este Ler máis

A Comunidade de Montes de Camposancos en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda, a Entidade Local Menor de Camposancos e a Deputación de Pontevedra, organizan o domingo día 22 de setembro a «Festa da Recreación Histórica da Idade de Ferro na Galiza».

Este evento terá lugar no Parque de Chans de Camposancos, no Monte Santa Trega a partir das 15:30h da tarde cunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre Galicia e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa produción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio.

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que van facer partícipes ao público asistente a esta festa.

Dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dúas importantes poboacións castrexas do noroeste peninsular.

A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha, a primeira parte terá lugar de 15:30h a 17:00h, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquestra Pantasma co espectáculo “A Voar”, especialmente pensado para o público infantil e a segunda parte da recreación terá lugar a partir das 18:00h, onde intervirá ademais o teatro de monicreques do Museo Municipal de Póvoa de Varzim.

Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán gozar participando en actividades de xogo libre con xogos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese