Regresan as visitas guiadas ao Castro de Santa Trega de xuño a setembro

27 de maio de 2024·Por A Guarda Turismo2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Monte Santa Trega é o recurso máis destacado da Guarda polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos e o Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha tempada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte. No verán Ler máis

O Monte Santa Trega é o recurso máis destacado da Guarda polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos e o Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha tempada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.

No verán de 2023 superáronse as 4.000 persoas que realizaron a visita guiada centrada no Castro de Santa Trega. Isto supón un incremento con respecto a anos anteriores, asegurando a oferta destas visitas guiadas na programación de xuño a setembro.

O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita percorre menos de 1 km as diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. Sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.

Os meses de xuño e setembro son datas preferentes para as visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que a visita guiada regular nestes meses será as fins de semana ás 12:00h.

Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a paisaxe.

Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán aboar o prezo público.

A novidade desta tempada é a visita nocturna de Historias e petróglifos que se realizará cada martes dos meses de xullo e agosto. A proposta é dar a coñecer as lendas e historias percorrendo a área norte do castro, incluíndo a visita ao petróglifo Laxe Sagrada e mapa. O punto de encontro é o mesmo, o aparcadoiro da Casa Forestal, pero para esta visita nocturna si é preciso realizar inscrición previa. A apertura das inscricións será o xoves anterior e tramitarase dende o MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, no WhatsApp 690 01 70 38 para 4 persoas máximo por petición ou unidade familiar.

Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690 01 70 38 ou por mail a masat@aguarda.es.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese