Regresan as visitas guiadas ao Castro de Santa Trega durante a Ponte da Constitución

4 de decembro de 2024·Por A Guarda Turismo2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A oferta de visitas guiadas ao castro de Santa Trega sempre tiveron unha excelente acollida entre veciños e visitantes que escollen A Guarda ou arredores para gozar das súas vacacións. Estas visitas guiadas son un complemento perfecto visitando o Monte Santa Trega, percorrendo o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, gozando de Ler máis

A oferta de visitas guiadas ao castro de Santa Trega sempre tiveron unha excelente acollida entre veciños e visitantes que escollen A Guarda ou arredores para gozar das súas vacacións.

Estas visitas guiadas son un complemento perfecto visitando o Monte Santa Trega, percorrendo o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, gozando da natureza no Estuario do Miño, descubrindo a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar e degustando a nosa gastronomía e produtos locais.

Nesta campaña especial as visitas guiadas céntranse nos valores arqueolóxicos do Monte Santa Trega, un dos recursos máis destacados de Galicia e un dos exemplos mellor conservados da Cultura castrexa.

Estas visitas guiadas realizaranse os días venres 6, sábado 7 e domingo 8 de decembro ás 12:00h e ten unha duración duns 45 minutos. A visita céntrase no valor arqueolóxico da zona escavada do Castro de Santa Trega, nun percorrido de menos dun quilómetro que inclúe o Barrio Mergelina e remata nas vivendas reconstruídas. As explicacións do guía permitirán coñecer como vivían os castrexos do Trega hai máis de 2.000 anos.

Esta actividade non precisa inscrición previa, os interesados tan só terán que presentarse minutos antes do comezo da visita no aparcadoiro da Casa Forestal que se localiza uns metros despois de cruzar o castro. Aqueles que accedan en vehículo ao monte deberán aboar a taxa de acceso, sendo a visita guiada gratuíta.

Ademais con motivo da Ponte da Constitución a Rede de Museos da Guarda conta cun horario máis amplo:
• MASAT (Museo Arqueolóxico). De venres a domingo: 10:00 a 19:00h
• Museo do Mar. De venres a domingo: 11:00 – 14:00 / 16:00 -19:00h
• Castelo de Santa Cruz: Espazo público aberto todos os días: 10:00-18:00h.

​Por último, lembrar que a Oficina Municipal de Turismo contará tamén con horario especial e estará aberta de venres, sábado e domingo de 10:00 a 14:00h. Durante o resto do ano pódese consultar mediante correo electrónico a turismo@aguarda.es.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese