Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda

7 de xuño de 2019·Por Prensa A Guarda4 minutos de lectura
Noticias Turismo

[vc_row][vc_column][vc_column_text] O Concello da Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega. O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro Ler máis

[vc_row][vc_column][vc_column_text]

O Concello da Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.

O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contouse cun grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e cun Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.

Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega dende o sur consérvanse os restos dun antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado tiraban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de ósos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e outro tipo de refugallos. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o solo ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.

O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.

A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Desta maneira, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban dende o poboado para captar os seus recursos.

Despois de varias semanas de traballo o equipo de investigadores desprazados ata o Trega remataron a escavación, uns traballos que permitiron redescubrir as escavacións realizadas nos anos 30 por Mergelina, e que agora, deixan á vista a muralla e a porta sur do castro.

 

A análise en detalle das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais infórmanos sobre o grao de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -se é que tiña algunha-, etc.

O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas dende a Idade de Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.

Mediante unha sondaxe aberta, conseguiuse documentar o cuncheiro do castro, onde os seus habitantes botaban o seu lixo, documentando ademais o momento de construción da súa muralla.

Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados da investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.

A execución do proxecto permitiu levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueloxofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.

Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van estudar os restos recollidos no cuncheiro para ver que tipo de animais e marisco consumían.

Neste proxecto participou un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun orzamento que supera os 15.000€, subvencionado polo Concello da Guarda e a través das axudas para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.

[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row][vc_row][vc_column][vc_video link=»https://www.youtube.com/watch?v=R7DvSHqHMTc&»][/vc_column][/vc_row]

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese