“SenSea”, a cultura mariñeira ao alcance de todos os públicos

30 de xullo de 2019·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O pasado domingo día 28 de xullo no Porto da Guarda, dentro da programación da Festa do Peixe Espada, realizouse un evento piloto de presentación de novos produtos e itinerarios do “PROXECTO ECODESTIN_3IN” de turismo mariñeiro inclusivo (SenSea). Estiveron presentes nesta actividade Dna. Susana Rodríguez, Directora Xeral de Desenvolvemento Ler máis

O pasado domingo día 28 de xullo no Porto da Guarda, dentro da programación da Festa do Peixe Espada, realizouse un evento piloto de presentación de novos produtos e itinerarios do “PROXECTO ECODESTIN_3IN” de turismo mariñeiro inclusivo (SenSea).

Estiveron presentes nesta actividade Dna. Susana Rodríguez, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o alcalde da Guarda Antonio Lomba, o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, o vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+), José Manuel Fernández e Pablo Mariño, xerente de Bluscus Turismo Mariñeiro. Este proxecto, chamado SenSea, está promovido pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e AGAN+ (Asociación Galega de Actividades Náuticas e a Axencia Global de Acreditación Náutica) como socio do programa europeo EcoDestin_3IN.

SenSea nace a partir de “Sentir o Mar”, que foi o resultado do traballo realizado por un equipo de profesionais, liderado por Rocío Gómez, dentro do ámbito educativo, social e turístico para demostrar que, máis aló da vista, existen milleiros de formas de experimentar, vivir e transmitir o mar; para documentar e propiciar que persoas con diferentes discapacidades se acheguen, gocen e sintan o mar tendo a oportunidade de formar parte del a través de experiencias turísticas relacionadas coa cultura mariñeira.

Participaron na xornada 50 persoas, dentro das cales estaban membros da Asociación Alba, IGAXES e da Fundación ONCE. Foron convocadas tamén asociacións portuguesas. Dividiuse aos participantes en 3 grupos mixtos para realizar as actividades mariñeiras:
– Taller coas redeiras a cargo da Asociación Atalaia Redeiras Baixo Miño
– Taller de cordas no museo do mar co último «cordeleiro», Enrique Maya: «o último cordeleiro».
– Navegación tradicional a remo e a velas coas gamelas guardesas a cargo da asociación Piueiro.
– Visita á lonxa e explicacións da poxa por parte de Silvia Crespos, percebeira e patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda
– Taller de conservas de peixe espada de Orpagu a cargo de Chema Seijo.

Houbo un pincho final para favorecer a convivencia entre os asistentes.

Apoiaron esta xornada: Asociación de Redeiras Baixo Miño, Asociación Piueiro, Club Alagua, Lonxa da Guarda e o Concello da Guarda.

A xornada foi coordinada e deseñada polo equipo de Bluscus – Turismo Mariñeiro e Rocío Gómez.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese