Os premiados poderán recoller os seus agasallos o 19 de xuño ás 12:00 h na Casa dos Alonso | Os restaurantes Bitadorna e Camping Santa Tecla serviron a tapa máis degustada e máis valorada polos comensais, respectivamente. A IV ruta gastronómica «Tapearte» xa ten gañadores e gañadoras. Esta mañá realizouse en Ler máis
Os premiados poderán recoller os seus agasallos o 19 de xuño ás 12:00 h na Casa dos Alonso | Os restaurantes Bitadorna e Camping Santa Tecla serviron a tapa máis degustada e máis valorada polos comensais, respectivamente.
A IV ruta gastronómica «Tapearte» xa ten gañadores e gañadoras. Esta mañá realizouse na Casa do Concello o sorteo dun smartphone Samsung Galaxy 7J entre os «ruteros» e as «ruteiras» con 6 ou máis tapas degustadas. Ademais, practicouse o reconto das papeletas entregadas polos comensais, do que se obtiveron os establecementos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018.
Entre os preto de 100 participantes, a premiada é Fina Peniza Baz, que poderá recoller o seu smartphone o vindeiro martes, 19 de xuño, ás 12:00 h na Casa dos Alonso. Xunto a ela, están chamadas as 44 persoas que, con máis de 10 selos no seu pasaporte, lograron como agasallo directo un lote de viño albariño da Adega Lagar de Fornelos (O Rosal).

Premio ás mellores tapas
Nesta sexta edición, os «ruteros» e as «ruteias» contaron cun pasaporte co que puideron participar na valoración da calidade das tapas consumidas, outorgando unha puntuación do 1 ao 6. Desta valoración, obtivéronse os establecementos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018, con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.
Nesta liña, o restaurante Camping Santa Tecla foi o máis valorado pola calidade da súa preparación. As súas zamburiñas con alioli de allo negro, puré de piña e xamón mereceu a maior puntuación dos comensais, mentres que a pataca rechea de tenreira galega, chutney de mirabeles e ovo de codorniz, elaborada polo restaurante Bitadorna, foi a tapa máis degustada.
Sobre «Tapearte»
A IV ruta gastronómica «Tapearte», organizada polo Concello da Guarda, celebrouse os venres, sábados e domingos do 18 de maio ao 3 de xuño, cunha oferta de tapas a un prezo único de 2€. Segundo as cifras facilitadas polos propios establecementos, durante os 9 días de duración superouse a cifra de 3.500 tapas servidas.
Nesta nova edición, «Tapearte» contou cun total de 19 bares e restaurantes guardeses adheridos: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella’s, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeito e Y la luna?.
O seu obxectivo é impulsar a gastronomía local e promocionar as populares alfombras florais, que cada ano se realizan no casco antigo da Guarda na fin de semana do Corpus.