A programación cultural de cara a fin de semana comeza esta mesma noite na Guarda coa proxección da curtametraxe «Lurna» no Centro Cultural. O filme, que se proxectará ás 20:30 horas, conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país buscando unha vida mellor. A continuación, o director Ler máis
A programación cultural de cara ao fin de semana comeza esta mesma noite na Guarda coa proxección da curtametraxe «Lurna» no Centro Cultural. O filme, que se proxectará ás 20:30 horas, conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país buscando unha vida mellor. A continuación, o director da obra, Nani Matos, ofrecerá unha charla-coloquio sobre a trata de persoas.
Esta actividade enmárcase na programación de actividades culturais organizadas polo Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda e o Concello da Guarda con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora este sábado 25 de novembro.
Gastronomía, arte e charlas
A ruta «Petiscos con arte» continúa este venres, sábado e domingo cunha ampla oferta de pequenas degustacións e obras de arte nos establecementos participantes. Os petiscos poderanse degustar de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas a un prezo único de 1,50€ a unidade.
Por outra banda, ás 20:30 horas de mañá venres terá lugar na Casa dos Alonso unha nova charla dentro do ciclo «Diálogos en Educación». A temática deste novo encontro xirará en torno á «filosofía para/con a infancia» e estará guiado polo profesor da Universidade da Coruña no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Javier F. Rouco.
Este venres tamén se celebrará un novo enccontro dentro do ciclo de charlas «Cóidate, muller!», organizado pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Nesta ocasión, a charla centrarase no «poder das emocións positivas e comunicación asertiva», contando coa intervención da psicóloga, Andrea Iglesias Fernández. A cita será ás 20:00 horas no Centro Cultural.
25N: Repulsa ás violencias machistas
Este sábado, 25 de novembro, a programación de actividades estará protagonizada polas mostras en repulsa ás violencias machistas. Así, a programación comezará ás 12:00 horas na Casa dos Alonso cun acto conmemorativo no que o alcalde e as concelleiras da Corporación Municipal colocarán unha pancarta contra a Violencia de Xénero. A continuación, o grupo Cinta Adhesiva realizará unha actuación poético-musical.
Completando a programación do 25N, o Centro Cultural acollerá a representación teatral «Nacidas libres» a partir das 20:00 horas deste sábado. A obra, cuxas entradas xa están esgotadas, relata a historia de catro actrices que deciden emprender e montar unha peza inspirándose nunha noticia publicada nos xornais sobre tres monxas retidas nun convento.
Lectura, música e talleres
Os máis pequenos da casa tamén terán a oportunidade de divertirse durante a fin de semana. Para eles, a Biblioteca Municipal organiza este sábado a partir das 11:30 h unha nova sesión de «Contos contados» dedicada á Ciencia, na que poderán coñecer historias divertidas e realizar un experimento científico.
Para todo o público, ademais, continúa en marcha «Biblioteca Solidaria», unha iniciativa pola que todas aquelas persoas que se acheguen ao espazo de lecer e lectura municipal poderán escoller un libro descatalogado a cambio de aportar un unidade de alimentos non perecedeiros (arroz, pasta ou legumes, entre outros) ou propios do Nadal (tales como turróns e outros doces, embutidos ou froitos secos) aínda que estes sexan perecedeiros.
Para comerciantes e público en xeral, o Concello pon en marcha un novo taller de decoración dentro da campaña «Decora o teu Nadal», no que os participantes poderán elaborar unha árbore de Nadal iluminada. Esta proposta, elaborada pola interiorista e voluntaria Maite Lomba, precisa de materiais de baixo custo e/ou de reciclaxe e terá lugar na Casa dos Alonso dende as 16:00 ata as 19:00 horas do sábado.
Á noite, a Igrexa parroquial de Santa María acollerá o Concerto de Santa Icía. Os asistentes poderán gozar das actuacións do Grupo de Acordeóns Mascarelhas e a Agrupación Musical da Guarda a partir das 20:30 horas.
Domingo de deporte e culto
O domingo, o barrio da Cruzada rende homenaxe a Santa Catalina coa celebración da popular romaría, organizada pola Comisión de Festas de San Caetano. A celebración dará comezo ás 11:30 horas coa misa en honra da santa e, a continuación, celebrarase a procesión ata a Fonte de Santa Catalina, con acompañamento do grupo de gaitas e baile Xamaraina. Ao rematar, a organización servirá un chocolate gratuíto aos asistentes.
Tamén pola mañá, o Monte Santa Trega e a súa contorna acollerán a celebración do IV Trail do Trega. O evento deportivo, organizado por TimeAventure en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra, estará composto por unha carreira de 18,5 km e un desnivel de 1.100 m, con saída ás 10:00 horas, e unha andaina de 10 km, con saída ás 9:15 horas. O período de inscrición remata este venres 24 e poderase realizar a través das páxinas web www.avaibooksports.com ou tamén en inscripciones.ranckr.com/eventos.