A Guarda pecha esta fin de semana a programación das fins de semana gastronómicas que dende o pasado 23 de marzo oferta este manxar do Río Miño en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea. Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa Ler máis
A Guarda pecha esta fin de semana a programación dos fins de semana gastronómicos que dende o pasado 23 de marzo oferta este manxar do Río Miño en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.
Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e da súa contorna poden degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a longa elaboración que precisa este manxar é necesario reservar previamente nos restaurantes.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.
Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados poidan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda.
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de educación da Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que se está a organizar dende hai dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os nenos e nenas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en tempada.
Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonsos, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis en profundidade a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca deste peixe na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, cos testemuños de pescadores, que explicarán a súa profesión aos nenos e nenas mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.
A continuación, o alumnado elaborou nas aulas uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea», que se atopan xa expostos na Praza de Abastos ata fin de mes.

