Último fin de semana para gozar da gastronomía guardesa con Tapearte 2019

30 de maio de 2019·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

Esta fin de semana é a última para gozar da variada oferta gastronómica de Tapearte 2019 na Guarda. Os 16 bares e restaurantes participantes xa serviron preto de 3000 tapas e agardan que esta fin de semana sexa extraordinaria, convidando unha vez máis a visitantes e veciños a participar nesta actividade. Ler máis

Este fin de semana é o último para gozar da variada oferta gastronómica de Tapearte 2019 na Guarda.

Os 16 bares e restaurantes participantes xa serviron preto de 3000 tapas e agardan que este fin de semana sexa extraordinario, convidando unha vez máis a visitantes e veciños a participar nesta actividade.

A ruta, que remata xa este domingo día 2 de xuño, pódese realizar os venres, sábados e domingos en horario de 12:00h a 14:00h e de 19:00h a 22:00h, con tapas a un prezo simbólico de 2€ e con premios directos e sorteo de agasallos para os participantes.

Ao igual que en edicións anteriores os participantes poderán valorar as tapas cos pasaportes dispoñibles en cada local, con puntuacións de 1 a 6 puntos, que permitirán, ao rematar a ruta, establecer o gañador do Concurso da Mellor Tapa 2019. Tamén se premiará ao establecemento que sirva o maior número de tapas.

Haberá un premio directo para aqueles que entreguen o seu pasaporte cun mínimo de 13 selos. Neste caso o agasallo é un lote de dúas botellas de Forte de San Lourenzo de Licor Café e Crema de Oruxo. Ademais haberá un sorteo dun móbil Samsung A40 para aqueles pasaportes cun mínimo de 6 selos que se depositen nas urnas de cada local e tamén na Oficina de Turismo.

Nesta edición participan o Art Café coa tapa «Xorzart», o Bitadorna coa tapa «Crunch negro con mix mar, vexetais en texturas e xeado», o Camping Santa Tecla coa tapa «Tournedo Rossini», o Celtic coa tapa «Chocos con arroz na súa tinta», a Pizzería Di Marco coa tapa «Carpaccio de polbo á feira», a Tapería El Paseo coa tapa «O Paseo», El Perro Verde coa tapa «Arepa rechea», o Enxebre coa tapa «Pelotiñas enxebre», o Gaviota coa tapa «Bacallau ao pisto de morena», La Botica coa tapa «Sabores afumados», La Casilla coa tapa «Delicia Galega», Marbella coa tapa «Empanada da horta», Novo Funil coa tapa «Cazola de Xabarín», Xantar coa tapa «Crunk», Xeito coa tapa «Espetada mariñeira» e Y la Luna? Coa tapa «Impórtame un pemento».

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese