Continuán as rutas organizadas conxuntamente entre o Concello de Caminha e o Concello da Guarda e que se realizan entre os meses de setembro e novembro co obxectivo de coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e do país veciño. O pasado sábado día 20 de outubro celebrouse a Ler máis
Continuán as rutas organizadas conxuntamente entre o Concello de Caminha e o Concello da Guarda e que se realizan entre os meses de setembro e novembro co obxectivo de coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e do país veciño.
O pasado sábado día 20 de outubro celebrouse a segunda saída, na que os participantes realizaron unha ruta duns 15 km pola Monumento Natural de Pena Corneira. A ruta foi de ascenso dende Leiro, onde antes de iniciar a ascensión de case 500m. de desnivel os asistentes percorreron unha parte do río e do pobo.
Pena Corneira é unha gran rocha ou formación rochosa, situada no alto do monte, e móstrase como un gran miradoiro sobre a comarca do Ribeiro. O seu bosque, de gran extensión, está catalogado como espazo natural de Galicia xa que está formado por árbores autóctonas. Outros atractivos da ruta foron o conxunto de hórreos de Paredes e as igrexas románicas de Leiro, Lebosende e Serantes.
O peche do calendario deste ano 2018 terá como protagonista as terras veciñas do Rosal coa ruta de 18 km polos Muíños do Folón e do Picón que terá lugar o vindeiro 10 de novembro. Os Muíños do Folón e do Picón son un grupo de 60 muíños en fervenza, declarados Ben de Interese Cultural ao constituír parte do rico patrimonio etnográfico, xa mencionados en documentos do século XVII. Percorrido de gran beleza con excelentes panorámicas ao val do Rosal e ao Esteiro do Río Miño. Tamén se coñecerá a Capela na véspera da celebración de San Martiño e pechará o calendario de Andainas 2018.



