O Padroado Municipal de Santa Trega e o Concello da Guarda ofrecen a oportunidade de coñecer o Monte Santa Trega grazas á oferta de visitas guiadas a este espazo. Nesta tempada estival as visitas concentraranse os sábados e domingos cunha oferta de dous diferentes percorridos. Por iso, as fins Ler máis
O Padroado Municipal de Santa Trega e o Concello da Guarda ofrecen a oportunidade de coñecer o Monte Santa Trega grazas á oferta de visitas guiadas a este espazo.
Nesta tempada estival as visitas concentraranse os sábados e domingos cunha oferta de dous diferentes percorridos. Polo tanto, as fins de semana ata finais de agosto, agás o día 12, que pola celebración do Día do Monte das Festas do Monte non se realizará visita, poderase coñecer o Monte Santa Trega acompañado dun guía.
Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer detalladamente o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas ás 12:30 h e ás 17:00 h do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, MASAT. Dende alí, os participantes coñecerán as pezas expostas no museo e continuarán coa visita á ermida de Santa Trega para despois baixar polo sendeiro do Vía Crucis ata o Castro de Santa Trega onde se explicarán os contidos arqueolóxicos deste espazo escavado. Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Ademais ás 11:30 ofrecerase a oportunidade de realizar unhas visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración. O punto de encontro destas visitas é a casa reconstruída do castro situada xusto na estrada de acceso ao monte.
As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Aínda que as visitas son gratuítas, hai ter en conta que a taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1 € para as persoas adultas e de 0,50 € para os e as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504).
