XI Festival de Bandas Vila da Guarda e Festa de San Roque: a música como protagonista da fin de semana

18 de agosto de 2017·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas «Vila da Guarda». Ademais, prosiguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega e a exposición «Viaxando pola Ler máis

O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas «Vila da Guarda». Ademais, prosiguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega e a exposición «Viaxando pola historia, cen anos do MASAT», na Casa dos Alonso. 

Esta noite comeza a Festa en honra a San Roque na parroquia de Salcidos, coa celebración dunha churrascada amenizada polo Dúo D3 a partir das 21.00 horas. A romaría continuará o sábado, co pasacalles a cargo de Treboada Baixo Miño e, xa pola noite, a gran verbena coa actuación das orquestras Capitol e Yucatán.

Tamén mañá, no Auditorio de San Benito, terá lugar o XI Festival de Bandas «Vila da Guarda». O concerto comezará ás 20.00 horas e contará coa participación de dúas bandas galegas con moita tradición no noso país: a ourensá «A Lira de Ribadavia» e a Banda de Música de Chantada (Lugo), ademais da Agrupación Musical da Guarda, organizadora do evento.

O domingo, último día das Festas de San Roque, celebrarase a misa en honra ao santo, precedida pola presentación da Agrupación Musical de Taboexa na Praza do Coruto. Despois do acto relixioso, a agrupación ofrecerá un concerto no recinto das festas e, xa pola tarde, será a quenda das tradicionais poxas e a actuación dun grupo musical, pondo fin aos tres días de celebración na parroquia guardesa.

Outras actividades semanais

As visitas guiadas ao Monte Santa Trega repetiranse este sábado e domingo, con saídas desde o MASAT ás 12.30 e 17.00 horas. O percorrido, de 90 minutos de duración, inclúe unha visita ao Museo Aqueolóxico e ao Castro de Santa Trega. Tamén se realizan visitas centradas exclusivamente no Castro, con comezo ás 16.00 horas e 30 minutos de duración.

Para completar o coñecemento sobre o noso monte, a historia do primeiro museo arqueolóxico de Galicia e a importancia do legado da Sociedade Pro-Monte na Guarda, convén visitar a exposición «Viaxando pola historia, cen anos do MASAT», que permanecerá aberta ata o sábado en horario de mañá (de 12 a 14 horas) e tarde (de 19 a 22 horas), mentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese